Thursday 02 de May de 2024

O BNG advirte en Ribeira do impacto da macrofactoría de Altri na Ría e no abastecemento de auga


Membros do BNG aproveitaron este sábado para informar á veciñanza ribeirense dos problemas que pode ocasionar a implantación da macrofactoría de Altri en Palas de Rei, unha bomba medioambiental no corazón de Galiza que acende as alarmas tamén nos concellos que se nutren da estación de tratamento de auga potábel (ETAP) do río Ulla como son os concellos da Barbanza, tanto polos efectos que a celulosa terá na calidade das augas como polo desmesurado consumo que terá.

Segundo os plans feitos públicos por Altri, a macrofábrica consumirá directamente desde o río Ulla 46.000 metros cúbicos ao día, o que equivale ao consumo de auga humano de toda a provincia de Lugo.

O proxecto contempla tamén que a celulosa verta de volta ao río 30.000 metros cúbicos ao día de augas industriais “
que incidirán aínda máis na contaminación do río.

O BNG sostén que, de se levar a cabo, este proxecto suporá un empeoramento da calidade da auga do río tanto polos vertidos como polo risco de eutrofización ao baixar o caudal. “É evidente que todos estes efectos negativos serán trasladados augas abaixo causando un impacto no río Ulla moi severo, empeorando a calidade das súas augas e comprometendo o caudal en épocas de estiaxe”, apúntase.

A vertedura desas augas tralo proceso industrial ao río Ulla afectaría ao abastecemento de auga para consumo humano e industrial de concellos como Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo que dependen da ETAP de Padrón, competencia da Xunta desde o ano 1996 e que, recentemente, despois de 30 anos, Augas de Galiza está amplis diante da crecente demanda e a escaseza de auga nos períodos de seca, cada vez máis frecuentes.

Por todo iso dende o BNG mostraron o seu rexeitamento a esa macrofactoría e facilitou follas para presentar alegacións.